Monforte acollerá un congreso sobre mundo urbano na historia de Galicia

7/5/08 .- http://www.xornal.com

Esta cita celébrase en Monforte por segundo ano e organizada o Xacobeo en colaboración co Concello desta vila.

A Consellaría de Innovación e Industria, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo promove a celebración do II Simposio de Historia en Terra de Lemos. Dende o día 23 e ata o 25 de maio a Casa da Cultura de Monforte será a sede dun encontro para expertos e interesados no mundo urbano na Historia de Galiza. A anterior edición do encontro versou sobre o Condado de Lemos e nesta ocasión o congreso centrarase en aspectos relacionados coas estruturas urbanas. Así o anunciaron en rolda de prensa o xerente da SA de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar, a concelleira de Cultura de Monforte, Alicia Cadarso Palau; e mais o director do congreso, Anselmo López Carreira.

Na xornada inaugural do congreso presentarase o libro de actas da anterior edición que recolle polo miúdo os aspectos abordados no encontro sobre o Condado de Lemos na Idade Media e cada un dos relatorios que formaron parte do simposio. Estudosos como Fernando López Alsina ou Xosé Armas Castro, da Universidade de Santiago falarán do nacemento da cidade de Santiago e da Pontevedra da Idade Media, respectivamente. Tamén se estudarán as vilas mariñeiras galegas e as características que definen e identifican as súas estruturas urbanas.

A continuidade e a ruptura na formación do urbanismo medieval galego ou a sociedade urbana na Galiza baixomedieval serán algúns dos temas que se aborden na segunda xornada do encontro. Así mesmo, o urbanismo galego estudarase a través de comparativas con outros países como Portugal. Do mesmo xeito, abordaranse temas vinculados coas políticas de vivenda nos centros históricos.

A inscrición neste congreso será de balde e pódese facer efectiva até o día anterior ao inicio do simposio. Os interesados poden inscribirse a través da páxina web do Concello de Monforte (http://www.concellodemonforte.com) ou dirixíndose á Oficina Municipal de Turismo, na Praza da Compañía.

Noticias relacionadas

Comenta la noticia desde Facebook

Comentarios

No hay comentarios.